Letras Galegas 2020

Publicado el
O Barco celebra o 17 de maio con palabras pouco usadas do galego de Valdeorras.
Será un 17 de maio desde a casa e coas redes sociais como canle para as expresións a prol da lingua e da literatura de Galicia. Neste caso a concellería de Cultura e Educación do Barco propón poñer en común palabras pouco usadas do galego de Valdeorras, un xeito de reclamar maiores espazos de uso para a nosa lingua.
Co gallo do 17 de maio (Día das Letras Galegas) e como non podemos celebrar a programación prevista, que adiamos para a semana do 31 de outubro (cando a Academia Galega acordou facer os actos na honra de Ricardo Carvalho Calero) convocamos unha pequena festa virtual da palabra a través das redes sociais.
Trátase de que cada participante poña nesta semana unha palabra do galego falado en Valdeorras que considere que é pouco usada, que está esquecida na actualidade, que usa a xente maior ou que se fai en ámbitos reducidos. Xunto a palabra e unha pequena explicación do seu significado pode achegarse o seu lugar de procedencia e unha fotografía ou ilustración que axude a describila. Poden usarse os hashtag #PalabrasPoucoUsadas e #GalegoDeValdeorras
Será unha pequena homenaxe desde Valdeorras, en tempo de confinamento, para Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras.

 — con Biblioteca Pública Municipal do Barco de Valdeorras.